sábado, 24 de noviembre de 2012

A EVALUACIÓN DA INFORMACIÓN NAS WEBS



Á hora de buscar información na rede, debemos ser coidadosos coa escolla. A miúdo, atopámonos con contidos incorrectos ou mal identificados que debemos tratar antes de publicar ou ter en conta para elaborar as nosas propias creacións.
A calidade dos contidos, sen embargo, é algo subxectivo que depende dos ollos de quen o mire. Así, o que para unha persoa é un dato indispensable, para outra pode ser totalmente prescindible; a información sen a cal non se podería elaborar un traballo pode sobrar en moitos outros... Así, pode determinarse que a calidade depende de moitos factores en función das características da información e de aquelo que se quere elaborar. No caso dos documentos dixitais, as características a ter en conta máis salientables son a autoría, a actualidade, o contido, o deseño, a accesibilidade e a audiencia.
A autoría fai referencia tanto ao autor da información coma ao lugar no que esta está ubicada. Ademais de saber o nome do autor, debemos coñecer algo sobre este que nos permita diferenciar os posibles intereses que poida albergar con respecto aos datos que publica. A autoridade (estalle permitido falar sobre o que o fai? Que formación ten?) así como un contacto tamén han de ser tidos en conta. Se está relacionado cun organismo debemos preguntarnós se o que publica responde aos intereses deste ou aos propios, e de telos, cales son os seus propósitos. Ademais, o feito de que o traballo estea colgado en sitios web identificados con .org, .com ou .edu dalles máis fiabilidade.
A actualidade móstranos a atención que o autor lle presta ao sitio web e ao documento que nel se presenta. Non se refire tan só ao texto cos datos datos, senón tamén aos recursos multimedia, aos interactivos e á hemeroteca que o compoñen. Os enlaces rotos son un mal síntoma, e se hai moito tempo da última actualización é algo a ter en conta á hora de recoller a información de xeito negativo. Así mesmo, a periocidade coa que se publica vólvese fundamental.
O contido fai referencia a dous aspectos fundamentais: á exactitude e á obxectividade. Por un lado, o contido é o asunto que se trata e a forma na que este tratamento lle é dado. A calidade, a orixinalidade, o título acorde co tema e os enlaces, fontes, citas e referencias que nos leven a unha ampliación da información son os elementos que debemos ter en conta para avaliar a validez da información. Se ademais está correctamente escrito, sen erros de ningún tipo e é sinxelo entender o que nos conta, o interés do documento aumenta considerablemente. En canto á obxectividade, hai que ter en conta que nunca é total, xa que todo texto conleva subxectividade, pois depende da persoa que o elabora, con opinión e criterio propio. Non obstante, podemos atopar textos bastante obxectivos se intentamos buscar algúns elaborados por autores que non estean vinculados a ningún organismo ou que, de estalo, os elaboren de xeito independiente. Se a publicidade é independente da páxina, a quen vai dirixida, o rigor, a independencia e a cantidade de datos tamén deben ser tidos en conta.
A audiencia á que vai dirixida a información determina non só as características desta, senón tamén como está expresada. Así, se é máis especializada, contén termos que só un determinado sector con coñecementos provios pode chegar a asumir. Non obstante, o mellor é que a web sexa accesible para o maior número de persoas en calquera situación e en calquera momento.
O deseño da páxina pode chegar a facilitar enormemente a comprensión do que nela se expón. A facilidade para navegar e a flexibilidade dos hiperenlaces favorece que a xente quede máis tempo na web. Cores que non molesten a lectura, debuxos e gráficos simplificadores da información, partes (cabeceira, barra de navegación, contido, contacto e webmaster) ben diferenciadas, tipografía elixida con criterio... todo esto debe ser tido en conta polo lector. Se a páxina está en construcción ou a información que proporciona non é completa, é perxudicial. Ademais, débese indicar a posible existencia da versión impresa (como sucede cos xornais, por exemplo) e a maneira de poder acceder a ela coa maior rapidez e facilidade.

A miúdo usamos as páxinas web sen ter moi en conta que os criterios de fiabilidade que a información ofertada nas mesmas sexan positivos. Navegamos con rapidez, moitas veces apenas permanecemos o suficiente nun espazo web para ler por riba de que trata, co cal a asimilación nos resulta cando menos dificultosa. Non nos preguntamos sobre a autoría e os intereses que conleva, a posiblidade de que detrás estea un interés empresarial, económico ou político, se vai dirixido ou non a nós e incluso pasamos por riba se é actual ou se se actualizou por última vez hai tanto que os datos que alí atopamos son obsoletos.
Debemos aprender non só a buscar a información o máis velozmente posible, senón a facelo con corrección e a escollela co sufuciente criterio para que os contidos que nós elaboremos non nos xoguen unha mala pasada.


*Texto elaborado a partir das clases de Documentación dos días 21 e 22 de novembro de 2012.

martes, 13 de noviembre de 2012

Unha pequena introdución aos arquivos da CRTVG e en Rusia


VISITA AO CENTRO DE DOCUMENTACIÓN DA CRTVG

O semana pasada os alumnos de segundo de Xornalismo da USC tivemos a oportunidade de visitar o Centro de Documentación da Televisión de Galicia. Esto supuxo un gran descubrimento para a gran maioría, que descoñecíamos a labor de documentalistas, informáticos, persoal de mantenemento e outras persoas que permanecen na sombra pero sen cuxo traballo o xornalismo deixaría de ser como é.
Nos arquivos permanecen gardados imaxes e sons que pouco a pouco son pasados a formatos máis modernos dentro das posibilidades de cada órgano. No caso da televisión de Galicia, dende que comezou a emitir os días 24 e 25 de xullo os actos do Apóstolo, lévanse almacenadas unhas 400000 cintas. Ao principio, gardábase o material en «bruto», mais en 1988 tomouse a decisión de comezar a compactalo, de xeito que o espazo das cintas se aproveitase moito máis.
O material está gardado nun edificio en San Marcos, e o depósito abrangue 700 metros cadrados. As condicións son as óptimas para este tipo de ferramentas, que se atopan nun ambiente cuxa humidade e temperatura son rigorosamente controladas. Así, os informativos, os programas deprodución propia como os especiais de fin de ano e a ficción. Neste último caso, os arquivos son tratados de xeito diferente, pois os dereitos de emisión son mercados para uns días determinados e tan só a dobraxe pertence á cadea.
Estes permanecen a bó recaudo até que son solicitadas para a súa reemisión, para reelaborar programas que percisan dun fragmento doutros ou incluso como planos de recurso, que son aqueles que se utilizan na edición ou montaxe como recheo para dinamizar. Tamén é importante gardar estes vídeos o tempo estipulado na lei por se houbese algún problema legal, así como para posibles solicitudes por parte de particulares, institucións ou outras canles de televisión. A menos que haxa un impedimento legal, o préstamo é posible. Non obstante, non só se conservan os materiais audiovisuais da televisión, senón que tamén debe ser gardada a documentación escrita, a radiofónica ou a gráfica.
A información contida nestes arquivos é tan ampla que non só abarca os programas emitidos da propia canle, como cabía supor, senón tamén os anuncios publicitarios ou noticias chegadas directamente das axencias. Gardar toda esta información leva moitas horas de traballo. Para gardar media hora de vídeo e audio, os documentalistas precisan dúas horas laborais, xa que teñen que identificar o contido do vídeo parte por parte para que sexa máis sinxelo de atopar nun futuro o caso concreto que se busque. Actualmente, traballan na CRTVG 17 documentalistas, un persoal insuficiente.

OS ARQUIVOS EN RUSIA

O oito de novembro de 2012, un profesor ruso, Rakoi, impartiu unha clase na aula dúas da facultade de ciencias da Comunicación para os alumnos de segundo de grao.
O cine chegou a Rusia en 1896. O primeiro film ruso foi rodado polo cámara dos irmáns Lumiere e contaba a coroación do Zar Nicolás II. Pouco despois, tería lugar outro feito fundamental na historia do cinema ruso: abriría Pathe Gaumont, unhas salas de exhibición. A partir dese momento, comezarían a producurse películas que competirían coas creacións alemás ou francesas.
Durante a I Guerra Mundial, os produtores promoverán filmes anti-alemáns. Non obstante, trala Revolución Rusa en 1917, desaparece o cine do imperio ruso.
As empresas de cine serían as que lle darían un maior auxe ao xénero. Según o profesor, a máis importante é Hanz-honkov, mais non é a única con forza no panorama ruso.
Antes de 1948 non hai arquivos de cine. Pero a partir da creación de Gosfilmofond, que forma parte da Federación Internacional de Arquivos de Filmes, esto cambiaría. Neste arquivo non só gardan cintas de orixe ruso, senón tamén doutros países. Entre outros, atópanse aquí películas de Pedro Almodóvar ou Buñuel, así como pequenos fragmentos da chegada dos nenos de Rusia (menores de idade enviados dende a zona republicana de España) a este país en 1937. Do mesmo ano, conservan un estracto do filme de Carlos Velo (cineasta ourensán que sería figura clave do cinema mexicano) sobre Galicia. En canto ás películas de propaganda, estas serían organizadas despois do período soviético. En total, hai uns dous millóns de filmes.
En 1974 organizouse Gosteleradio. Tamén sería a partires destes anos cando as empresas comezarían a recibir axudas por parte do Estado.
Na páxina web dos arquivos rusos pódense atopar virtualizados moitos documentos audiovisuais de interese público, xa que ademais de estar presentes de forma física no arquivo do país, tamén están virtualizados e transladados á web.


Bibliografía:
-Valle Gastaminza, Félix de. «La documentación en televisión« [en liña]. Universidad Complutense, Facultad de Ciencias de la Información. <http://www.ucm.es/info/multidoc/prof/fvalle/doctv.htm>
-Gobierno de España, Ministerio de Educación «Media televisión» (en liña)

domingo, 4 de noviembre de 2012

Somos unha sociedade enferma e que precisa cura urxente


EL SÍNDROME DE INMUNODEFICIENCIA SOCIAL

Resumo

A inmunodeficiencia é un estado patolóxico no que o sistema inmune non cumpre co papel de protección que lle corresponde. É dicir: o organismo queda vulnerable ás infeccións de todo tipo por falta de protección. Aplicado ao ámbito social, enténdense que o organismo (a sociedade) non se protexe o suficiente como para que as infeccións (a corrupción, a falta de ética...) permanezan lonxe.
Actualmente, dáse na sociedade unha gran cantidade de infeccións: políticos e institucións corruptos, falta de valores en todos os estratos... A miúdo, esta permanece allea ao que acontece no seu seo. Tal e como José Antonio Marina explica no seu texto, ao ser tolerantes os comportamentos deshonestos deben ser cada vez maiores para que sexamos capaces de percibilos. Entramos así nun bucle do que resulta moi complicado saír, xa que, tirando de refraneiro popular, non hai maior cego que o que non quere ver.
Vivimos nun pesimismo constante que non merma porque a crise é constante e cada día saen á luz máis casos de corrupción. «Posto que as cousas son como son e non teñen remedio, para que esforzarse?». Esta oración sacada do texto de Marina reflicte perfectamente o pasotismo que día a día mostran moitos cidadáns. Síntense impotentes e, ao mesmo tempo, poucos intentan facer algo para solucionalo. Todos temos a obrigación de xulgar sobre as cousas que afectan ao ben común sempre e cando estemos informados e sexamos o máis obxectivos posible.
Para protexer o sistema inmunitario social, debemos castigar aos virus que pretendan debilitalo e fomentar o pensamento crítico da cidadanía, que debe participar. É a sociedade a que debería controlar aos políticos para evitar que se convirtan en virus que desestabilicen o seu sistema inmunitario. Ademais, a sociedade debe repeler os malos actos e premiar os bós. Para que esto poida pasar, vólvese indispensable a educación dos cidadáns, base para unha sociedade xusta e que confíe en si mesma.

Listado de claves sobre as que documentarse

1-Sociedade.
2-Ética.
3-Corrupción.
4-Tolerancia.
5-Xulgar ou non xulgar.
6-Pensamento crítico.
7-Xustiza.
8-José Antonio Marina

Fontes e explicación da súa relevancia según as claves dadas

Para comprender mellor o texto de Marina, é preciso ter claros os principais conceptos que se expoñen no mesmo. A través de diferentes fontes (máis ou menos fiables), é posible documentarse e entendelos.

1.- Sociedade.
Para entender o texto, é preciso comprender que é a sociedade tal e como se entende hoxe en día. Así, débense consultar varias fontes que nos permitan chegar a unha conclusión acertada sobre este concepto.
-Diccionario Xerais da Lingua Ilustrado, Madrid, Xerais, Novembro 1994
Define «sociedade» na súa primeira acepción como «Relación de persoas que teñen algo en común» para engadir na seguinte «Conxunto de individuos entre os que existen relacións duradeiras e organizadas, xeralmente establecidas sobre institucións e garantidas por leis.»
-Definición de sociedade (en liña) http://definicion.de/sociedad/
Nesta páxina de internet na que aparecen diversos conceptos definidos, establécese que sociedade é «un termo que describe a un grupo de individuos marcadso por unha cultura en común, un certo folclore e criterios compartidos que condicionan as súas costumes e estilo de vida e que se relacionan entre sí no marco dunha sociedade». Salienta o feito de que hai sociedades animais ademais das humanas.
Neste artigo, Marina afirma que «a sociedade civil é esencialmente política, porque ten que vivir na polis xa que é a vertebra dun sistema legal, e concrétase nunha serie de institucións.» Ademais, salienta a diferencia entre Estado e sociedade. «O Estado é unha estrutura para exercer o poder que emerxe da sociedade e se impón a ela». É a sociedade, según este autor, o que debe premiar as boas condutas do Estado e castigar as malas. Aquí inflúe moito o que se coñece como ética.

2.- Ética
Que é a ética? Porque ten que rexir os nosos comportamentos? Para entendela, é necesario ver o que diferentes autores opinan sobre a mesma.
-Monografías (en liña) http://www.monografias.com/
Buscando nesta páxina de internet os diferentes puntos de vista de filósofos como Platón, achegámonos un pouco máis ao concepto de ética. Platón afirmaba que «a virtude é coñecemento e que este pode ser aprendido.» Para el, coñecer a Deus é facer o ben, polo que os inmorais son ignorantes. Tamén se poden consultar entradas sobre a ética en sí.
-Varios autores, Diccionario Real Academia Española (en liña) http://www.rae.es/rae.html
Os académicos definen ética como algo «recto, conforme á moral» na súa segunda acepción, sendo a quinta «conxunto de normas morais que rixen a conduta humana».
-Youtube «¿Qué es la ética?» http://www.youtube.com/watch?v=sQ_DWG34UOE
Este vídeo educativo, aínda que por veces é lento, explica o que básicamente é entendido por ética, así como a diferencia desta coa moral e os puntos de vista de diferentes autores.

3.- Corrupción
Ao longo do artigo de Marina, obsérvase a importancia que este autor lle da á corrupción nos diferentes ámbitos políticos. Afirma que o que corrompe o fai porque o precisa para vivir, que se difunde coma un virus que dana o organismo que é a sociedade.
«Nas organizacións, especialmente nas públicas, práctica consistente na utilización das funcións e medios de aqueles en proveito, económico ou doutra índole, dos seus xestores.»
-As hemerotecas dos xornais e as seccións adicadas a estes temas son moi boas fontes para coñecer os casos de corrupción máis cercanos a nós. Así, consultando a sección de «Corrupción política» El País (http://elpais.com/tag/corrupcion_politica/a/ ) ou a hemeroteca de La Voz de Galicia ( http://www.buscavoz.es/search.php?q=corrupci%C3%B3n%20Espa%C3%B1a&db=&t=all&mind=&maxd=&s=date ) atopámonos cunha realidade máis cercana do que cremos (ambas en liña).
- Conde, Mario «El poder y ciertos periodistas: ¿opinión o corrupción?» (en liña), 23 de setembro 2012 http://www.fundacioncivil.org/2012/09/el-poder-y-ciertos-periodistas-opinion-o-corrupcion-un-articulo-de-r-blanco-valdes/
Neste artículo, escrito por un home chamado Mario Conde, propónsenos outra visión do traballo do xornalista. O autor fala dos xornalistas corruptos, que en vez de informar, desinforman. Ademais, facilita un enlace para un interesante artículo de (case) obrigada lectura de R. Blanco Valdés

4.- A tolerancia da sociedade
Marina explica que a sociedade non se queixa, que permanece aparentemente allea ás actuacións pouco morais que a rodean. Di que non hai que ser tolerante co ben, senón aplaudilo, senón co mal, pois a este hai que combatelo.
-UNESCO, «Declaración de Principios sobre a Tolerancia» (en liña) do 16 de novembro de 1995 http://portal.unesco.org/es/ev.php-URL_ID=13175&URL_DO=DO_TOPIC&URL_SECTION=201.html
A UNESCO estableceu uns principios básicos de tolerancia e afirma que «non só é un deber moral, senón ademais unha esixencia política e xurídica.»
-Nacións Unidas, Día Inernacional para a Tolerancia (en liña) 16 de novembro http://www.un.org/es/events/toleranceday/
Ainda que esta páxina fai máis ben referencia á tolerancia como a convivencia de persoas diferentes, non hai que esquecer que esa é precisamente a base para a existencia dunha sociedade como tal.
-Definicións online (en liña) http://definicion.de/tolerancia/
Podemos atopar aquí a definición de tolerancia según a RAE («respecto polos pensamentos e as accións de terceiros cando resultan opostos a distintos aos propios») e as orixes do termo, que procede do latín, tolerare, que significa «soportar».
5.-Xulgar ou non xulgar
Marina defende que «todos temos a obrigación de xulgar sobre cousas que afectan ao ben común, e para iso debemos poñernos en condicións de xulgar xustamente: informarnos, buscar a obxectividade, non deixarnos levar por preferencias emocionais nin por intereses persoais ou sectarios...»
-Varios autores, Constitución Española, (en liña) de 1978 http://noticias.juridicas.com/base_datos/Admin/constitucion.html
Esta páxina web facilítanos os artigos da Constitución, onde están recollidos os dereitos e deberes legais dos españois.
-Varios autores, Diccionario web da RAE (en liña) http://lema.rae.es/drae/?val=JUZGAR
A RAE define xulgar como «formar opinión sobre algo ou alguén». Todos temos dereito a xulgar neste aspecto, a crearnos unha opinión sobre os temas que nos incumben dun ou doutro xeito.
-Trias, Eugenio  «La capacidad de juzgar» (en liña) 14 de marzo de 2001 http://www.elcultural.es/version_papel/OPINION/208/La_capacidad_de_juzgar
Aínda que este artículo é de hai xa once anos, o certo é que é bastante actual. Así, o autor preséntanos a través de Kant o tema que quere tratar (a capacidade de xulgar das persoas) para rematar afirmando que esta se está perdendo e corrumpindo

6.- Pensamento crítico
Ter un pensamento crítico sobre o que nos rodea é indispensable para comprender o mundo no que vivimos. A miúdo, falamos de temas se apenas coñecer a superficie que tratan. Afondar neles e naqueles aspectos que teñen algo que ver cos mesmos é tarefa obrigatoria para todos aqueles que queiran expresar a súa opinión. Ter unha mente aberta, intentar ampliar coñecementos e reflexionar é fundamental.
-Pensamiento crítico (en liña) 20 de outubro de 2012 http://www.pensamientocritico.org/
Nesta páxina web escriben diversos autores sobre temas tan variados como a globalización e a democracia, a crise ou a educación e as desigualdades que se dan neste ámbito.
-Youtube «Pensamiento crítico» http://www.youtube.com/watch?v=hgb1xdpapZc
Este vídeo explica en que se basea o pensamento crítico, na búsqueda de solucións a problemas de forma razonada. Hai máis vídeos nesta plataforma nos que se expoñen ideas sobre o pensamento crítico.

7.- Xustiza
A xustiza é un concepto que moitos consideran indispensable pero no que moi poucos cren realmente. A miúdo, a xustiza ríxese por
-Gallego, Javier  «La justicia no existe» (en liña) Carne cruda 13 de febreiro de 2012 http://blog.rtve.es/carnecruda/2012/02/la-justicia-no-existe.html
Neste texto, Javier Gallego fai unha comparación entre o que lle aconteceu a Miles Davis no verán de 1959 e o acontecido nunha manifestación do 10 de febreiro do ano presente en Madrid para determinar que a xustiza non é tal.
-Cohen Agrest, Diana, «Si no hay castigo, no hay justicia» (en liña) 2 de agosto de 2012 http://www.lanacion.com.ar/1495364-si-no-hay-castigo-no-hay-justicia
Neste artículo, Diana Cohen afirma que a única forma de poder afirmar a existencia da xustiza e corroborando esta mediante castigos. Aqueles que fagan o mal deben ser sancionados debidamente para que non volvan errar.

8.- José Antonio Marina
Por último, para entender un texto é necesario coñecer ao seu autor. Por moita obxectividade que calquera persoa pretenda reflectir no que escribe, esta nunca será total.
Nesta páxina atopamos unha pequena bibliografía do autor, así como o lugar e a data de nacemento (Toledo, 1939)
-Blog do autor: este é a dirección do blog do autor, cuxa páxina web (http://www.joseantoniomarina.net/ ) está en construcción. Leva dende 2008 sen publicar novas entradas.
-Librerías online e librerías físicas. Nestas é posible atopar libros sobre o autor, o que nos permite acercarnos un pouco máis á súa figura literaria.


Algunhas fotes, como a páxina web da RAE, Youtube ou o Diccionario Xerais da Lingua., son aplicabes a diferentes termos ou conceptos. Outros diccionarios online, como wordreference (http://www.wordreference.com/ ) ofrécennos a oportunidade de acceder a sinónimos dos termos para comprendelos mellor. Así mesmo, é posible consultar diversos blogs onde os autores expoñen as súas opinións sobre os máis diversos temas, permitíndonos ampliar coñecementos e ver as cousas dende un punto de vista alternativo.

A modo de conclusión

Vivimos nun mundo onde os cartos mandan máis que a ética. Os valores están agochados en recunchos aos que moi poucos se atreven a chegar para rescatalos, temerosos de que a acepción destes os convirta no raro entre a normalidade: un conxunto de persoas que vive por e para sí, allea a maior parte das ocasións a todo aquelo que a rodea.
A miúdo, cando coñecemos un caso de corrupción, este é comentado coa familia, os amigos e mesmo no bar. Pero non adoitamos ir máis aló. Escoitamos o que nos contan, opinamos como podemos sobre o tema e despois esquecemos. Cremos que non é así, pero apenas nos movemos para buscar unha solución a aqueles problemas que chegan máis aló da porta da nosa casa.
Somos unha sociedade cansa de tanta corrupción que por momentos parece derrotada. Non no sentido bélico, onde só hai gañadores e perdedores, senón no sentido anímico: se as cousas non melloraron até o de agora, porque ían facelo nos próximos días, meses, anos? O pesimismo instaurase por doquier, e moi poucos son capaces de combatelo.
Cada persoa como individuo debe ser capaz de xulgar, de formarse unha opinión sobre cada un dos temas que a afecta de xeito máis ou menos indirecto e de defender os dereitos que posúe. Cada persoa como membro dunha sociedade debe saber convivir coas demais e respectalas, así como defender aquelo que os identifica como membros dun conxunto.
Existe a corrupción, sí, a sociedade está enferma. Máis todos debemos ser conscientes de que somos culpables e vítimas ao mesmo tempo, de que somos as células que forman o organismo ao mesmo tempo que parte do equipo médico que debe sanalo.