Á hora de buscar información na rede, debemos ser
coidadosos coa escolla. A miúdo, atopámonos con contidos
incorrectos ou mal identificados que debemos tratar antes de publicar
ou ter en conta para elaborar as nosas propias creacións.
A calidade dos contidos, sen embargo, é algo subxectivo
que depende dos ollos de quen o mire. Así, o que para unha persoa é
un dato indispensable, para outra pode ser totalmente prescindible; a
información sen a cal non se podería elaborar un traballo pode
sobrar en moitos outros... Así, pode determinarse que a calidade
depende de moitos factores en función das características da
información e de aquelo que se quere elaborar. No caso dos
documentos dixitais, as características a ter en conta máis
salientables son a autoría, a actualidade, o contido, o deseño, a
accesibilidade e a audiencia.
A
autoría fai referencia tanto ao autor da información coma ao lugar
no que esta está ubicada. Ademais de saber o nome do autor, debemos
coñecer algo sobre este que nos permita diferenciar os posibles
intereses que poida albergar con respecto aos datos que publica. A
autoridade (estalle permitido falar sobre o que o fai? Que formación
ten?) así como un contacto tamén han de ser tidos en conta. Se está
relacionado cun organismo debemos preguntarnós se o que publica
responde aos intereses deste ou aos propios, e de telos, cales son os
seus propósitos. Ademais, o feito de que o traballo estea colgado en
sitios web identificados con .org, .com ou .edu dalles máis
fiabilidade.
A
actualidade móstranos a atención que o autor lle presta ao sitio
web e ao documento que nel se presenta. Non se refire tan só ao
texto cos datos datos, senón tamén aos recursos multimedia, aos
interactivos e á hemeroteca que o compoñen. Os enlaces rotos son un
mal síntoma, e se hai moito tempo da última actualización é algo
a ter en conta á hora de recoller a información de xeito negativo.
Así mesmo, a periocidade coa que se publica vólvese fundamental.
O
contido fai referencia a dous aspectos fundamentais: á exactitude e
á obxectividade. Por un lado, o contido é o asunto que se trata e a
forma na que este tratamento lle é dado. A calidade, a
orixinalidade, o título acorde co tema e os enlaces, fontes, citas e
referencias que nos leven a unha ampliación da información son os
elementos que debemos ter en conta para avaliar a validez da
información. Se ademais está correctamente escrito, sen erros de
ningún tipo e é sinxelo entender o que nos conta, o interés do
documento aumenta considerablemente. En canto á obxectividade, hai
que ter en conta que nunca é total, xa que todo texto conleva
subxectividade, pois depende da persoa que o elabora, con opinión e
criterio propio. Non obstante, podemos atopar textos bastante
obxectivos se intentamos buscar algúns elaborados por autores que
non estean vinculados a ningún organismo ou que, de estalo, os
elaboren de xeito independiente. Se a publicidade é independente da
páxina, a quen vai dirixida, o rigor, a independencia e a cantidade
de datos tamén deben ser tidos en conta.
A
audiencia á que vai dirixida a información determina non só as
características desta, senón tamén como está expresada. Así, se
é máis especializada, contén termos que só un determinado sector
con coñecementos provios pode chegar a asumir. Non obstante, o
mellor é que a web sexa accesible para o maior número de persoas en
calquera situación e en calquera momento.
O
deseño da páxina pode chegar a facilitar enormemente a comprensión
do que nela se expón. A facilidade para navegar e a flexibilidade
dos hiperenlaces favorece que a xente quede máis tempo na web. Cores
que non molesten a lectura, debuxos e gráficos simplificadores da
información, partes (cabeceira, barra de navegación, contido,
contacto e webmaster) ben diferenciadas, tipografía elixida con
criterio... todo esto debe ser tido en conta polo lector. Se a páxina
está en construcción ou a información que proporciona non é
completa, é perxudicial. Ademais, débese indicar a posible
existencia da versión impresa (como sucede cos xornais, por exemplo)
e a maneira de poder acceder a ela coa maior rapidez e facilidade.
A miúdo
usamos as páxinas web sen ter moi en conta que os criterios de
fiabilidade que a información ofertada nas mesmas sexan positivos.
Navegamos con rapidez, moitas veces apenas permanecemos o suficiente
nun espazo web para ler por riba de que trata, co cal a asimilación
nos resulta cando menos dificultosa. Non nos preguntamos sobre a
autoría e os intereses que conleva, a posiblidade de que detrás
estea un interés empresarial, económico ou político, se vai
dirixido ou non a nós e incluso pasamos por riba se é actual ou se
se actualizou por última vez hai tanto que os datos que alí
atopamos son obsoletos.
Debemos
aprender non só a buscar a información o máis velozmente posible,
senón a facelo con corrección e a escollela co sufuciente criterio
para que os contidos que nós elaboremos non nos xoguen unha mala
pasada.
*Texto
elaborado a partir das clases de Documentación dos días 21 e 22 de
novembro de 2012.
No hay comentarios:
Publicar un comentario