domingo, 30 de septiembre de 2012

25S: a voz do pobo non é ilegal



O 25 de setembro de 2012 tivo lugar en Madrid a coñecida Marcha para rodear o Congreso na cal numerosos cidadáns se citaron ante este órgano de Goberno para protestar pola situación actual en España e o mal funcionamento do mesmo. O resultado? Sesenta e catro feridos, un deles grave e vintesete dos cales eran antidisturbios. Ademais, vintecinco persoas foron detidas.
Os policías estiveron controlando todo o día os autobuses chegados de diferentes puntos de España, pedindolle aos viaxeiros a documentación. Ademais, fixeron rexistros en coches particulares e tiñan como misión facer que a manifestación se levase a cabo con normalidade. Non obstante, algo pasou e no mesmo lugar onde non hai tanto vivían Quevedo, Góngora e Cervantes, caían cidadáns coa cabeza sangrando. Que foi o que motivou a violencia dos axentes? Seguramente, o feito de que lles tirasen obxectos, de que os ameazasen, de ter que aguantar insultos e malos xeitos influíu no enfrontamento, así como a intervención de persoas (seguramente alleas á manifestación) que os provocaron até que lograron unha reacción desmesurada. Ainda así, hai quen afirma que de non ser pola actuación da policía, os manifestantes terían entrado no Congreso para tomar represalias contra os diputados. Que hai de certo nesta afirmación? Non era acaso un acto pacífico, no que a violencia estaba totalmente fora de lugar? Probablemente así fose para a maioría dos manifestantes, convocados en gran medida a través das redes sociais que tanto están a favorecer as revoltas populares. Pero como dí o refraneiro, máis vale previr que curar, así que se desplegou un gran dispositivo policial que tiña como misión protexer aos "nosos" políticos.
Mentres se aglomeraba xente nos arredores do Congreso, dentro debatíanse temas como a erradicación da discriminación lingüistica e a seguridade de poder escoller a lingua, tal e como se estipulaba nas actas. Como adoita ocurrir, non estaban presentes todos os membros deste órgano, algo que a cidadanía pasa cada vez menos por alto.
Nunha enquisa da Voz de Galicia do día 28 de setembro (enquisa ), o 76% dos votantes opinan que as manifestacións non ensucian a imaxe que se ten de España no exterior. Non obstante, non estamos a falar de simples manifestacións, senón de todos e cada un dos actos que deriban delas. A violencia coa que reaccionou a policía (que está entre dúas forzas) unido a unha economía que non levanta cabeza ou o concepto de España como "fiesta, fiesta y fiesta" é algo que dificulta que os demais países confíen.
A información recibida variou dun medio a outro. As imaxes reflicten en moitos casos unha violencia desmesurada que ía en ambos sentidos. A obxectividade semella estar cada día menos presente e, con eso, a información perde valor. Todos os medios de comunicación españois e moitos a nivel internacional se fixeron eco do acontecido o 25 de setembro en Madrid, maios os puntos de vista duns e dous difiren enormemente. É sinxelo pasar de ler sobre un intento golpista no que os manifestantes son claras ameazas do goberno a velos como vítimas dunha clase política concentrada nos seus embigos cada día máis cheos de cartos. Que hai de certo no que uns e outros afirman? Probablemente, todos estén no certo e, ao mesmo tempo, tamén errados. Os lectores dos xornais, os seguidores dos informativos de calquera cadena e os ouvintes das radios de toda España deben prestar atención á información recibida, totalmente sesgada e intentar sacar as súas propias conclusións. Ademais, as mesmas tecnoloxías que permitiron a realización de moitas manifestacións e marchas fai posible que a cidadanía exprese o seu pensar sobre o que acontece diariamente nesta loita. Así, blogs como plataforma en pie ou coordinadora 25S informan a cotío sobre os movementos desta masa que vai gañando adeptos a través de diferentes "agrupacións" como as citadas ou a coñecida Democracia Real Ya.
O descontento da cidadanía aumenta día a día e manifestacións como a do 25S plantexa dúbidas sobre o futuro do páis. Está preto o cambio que tanto percisa España? É a fin da crise o único que precisa este país ou é necesario un cambio máis profundo? Que papel xogan os cidadáns neste cambio? Están os problemas o suficientemente claros como para que a súa resolución sexa posible? Son positivos actos como os que se están a levar a cabo por toda a xeografía española? Por se esto non fose pouco, o papel da policía está cada día máis difuso. O corpo, que está ao servizo dos cidadáns, arremeteu contra estes para dender aos políticos que motios acusan de culpables. Son inocentes as persoas golpeadas? Quen iniciou en realidade a batalla do 25S?
Probablemente, as respostas só sexa capaz de proporcionarnolas o tempo. Non obstante, pode que o silencio as engula para sempre.



*Os hiperenlaces conducen a documentación adicional que xustifica o exposto e facilita a comprensión do sucedido.

2 comentarios:

  1. Moi ben ese asterisco.
    Dacordo, pero escápase un pouco da proposta feita na clase. é máis como un resumo do sucedido, aínda que salpicado polo punto de vista da autora.
    Maldita documentación

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas. Intentei responder ás preguntas da aula virtual o mellor posible redactándoas de xeito resumido sen deixar de lado a miña opinión.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar